Psdeg-Psoe
Contactar

 
O PSdeG chama á “responsabilidade” da Xunta para desbloquear o xestor ferroviario diante da transferencia anunciada por Fomento
López Vidal insta á Xunta a “pedir perdón e arrepentirse” por esixir o cumprimento dos prazos do AVE mentres “poñían pedras nos raíles”
14/04/11
 
 

 

Santiago de Compostela, 14 de abril de 11. O portavoz de Obras Públicas do Grupo Socialista, Pablo López Vidal, reclamou hoxe a “responsabilidade” e “lealdade” da Xunta para desbloquear a constitución do Xestor Ferroviario de Galicia. Advertiu que a transferencia das liñas ferroviarias de proximidade pode coller a Galicia “núa” e con “todo sen facer” pola “mediocridade e incompetencia demostrada pola Xunta”.


López Vidal lamentou os receos amosados pola Xunta diante da transferencia anunciada polo ministro de Fomento cando a realidade é que a día de hoxe non está creado o Ente Xestor que o Goberno socialista deixara “listo para facer”. Saudou a iniciativa do ministro para comezar coa transferencia a partir do verán, pero advertiu que Galicia pode ser collida “sen facer os deberes” polo desleixo da Xunta.


Esixiu á Xunta que cumpra coas súas obrigas en lugar de elevar esixencias ao Goberno central para o cumprimento do compromiso do AVE. Cualificou así de “broma de mal gusto” o anuncio da Xunta de contratar unha asistencia técnica “independente” para vixiar e controlar a execución, e dixo sentirse “orgulloso” do anuncio da macrolicitación do AVE a Galicia por 5.379,56 millóns de euros aprobada polo Goberno central.


López Vidal presentou unha Pregunta Oral na que reclama á Xunta que explique “qué nivel de recursos públicos dedicará a Xunta de Galicia co obxecto de controlar o proceso de licitación”. Lamentou que a principal aportación da Xunta á macrolicitación do AVE sexa destinar orzamentos a contratar un “equipo de técnicos especialistas na materia para valorar o posible cumprimento”.


Lembrou que o Goberno do PP deixou licitado un ferrocarril “de terceira categoría” que tivo que ser redeseñado entre Lubián e Ourense e entre Ourense e Vigo, mentres deixaban tamén un Eixo Atlántico sen electrificar. Sinalou que mentres a Xunta aporta “recursos cero” ás obras dedícase a “escudriñar” os compromisos de Fomento.


Pedir perdón


Dixo que o conselleiro de Infraestruturas “debe pedir perdón e arrepentirse” por presentarse como “o gran controlador” mentres poñían “pedras nos raíles” para facer descarrilar o tren. Cualificou así de “deslealdade” os escollos presentados por Feijóo aos estudos medioambientais necesarios para a execución das obras ou esixindo o soterramento da vía de Ourense, que obrigaría a un novo retraso.

 

Reclamou ao conselleiro Hernández que “vaia de xeonllos pedindo perdón por toda Galicia” logo do auto do TSXG que recoñece irregularidades administrativas e que certificou unha estrada en Lira antes de que fora realizada. Sinalou que o auto xudicial “certifica que o conselleiro Hernández é un nefasto xestor e actuou como un ineficiente funcionario público”.


Lembrou que o propio Feijóo dixo que “hai delitos que non se poden demostrar” cando a xustiza arquivou a denuncia contra catro funcionarios pola Autovía do Barbanza. Lembrou que Feijóo acusou ao daquela presidente da Xunta de levar adiante unha adxudicación amañada, e lembrou que “tampouco pediron perdón pola sucia campaña electoral nin por perseguir a UUAA nin polas súas especulacións co pacto do AVE”.


Transferencias ás deputacións


O responsable socialista presentou hoxe unha Interpelación para esixir un trato igualitario nas transferencias da xestión de estradas dende as deputacións provinciais á Xunta. criticou que a Xunta asinara un convenio coa Deputación de Pontevedra pola “vasalaxe que lle debe o conselleiro Hernández ao barón Louzán –presidente da Deputación-” discriminando aos outros tres entes provinciais.


López Vidal explicou que mentres as deputacións de Lugo e A Coruña están discriminadas por estar gobernadas polo PSdeG-PSOE, o caso de Ourense “é distinto, está discriminada por pertencer a outra rama diferente do PP”. Criticou que esta actitude demostra que o PP xestiona a administración pública “como a súa finca particular”.


O parlamentario socialista reclamou a reactivación do Plan Director de Estradas de Galicia, elaborado polo Goberno socialista e paralizado dende a chegada do PP. Este plan, explicou, determinaba traspasos de estradas dende as deputacións á Xunta para que tódalas cabeceiras de concellos contaran cunha vía de titularidade autonómica e tódolos cidadáns contaran “cos mesmos niveis de calidade e seguridade”.

 

 

PSdeG-PSOE
E-mail: ceng@psdeg-psoe.org