Santiago de Compostela, 13 de abril de 11. A portavoz de Política Social do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Beatriz Sestayo, denunciou hoxe no Pleno do Parlamento un retraso de máis de sete meses na resolución dos expedientes da Renda de Integración Social de Galicia –Risga- por parte da Xunta. Así o dixo nunha Pregunta oral que formulou na sesión de control ao Parlamento que se celebrou hoxe no Pleno.
A parlamentaria socialista advertiu que a Xunta deixa en “completo desamparo social a quen máis o necesita cando máis o necesita, en plena crise”. Explicou que a este retraso únese á situación dos equipos de inclusión social que a Xunta “fixo desaparecer das grandes cidades e o Consorcio das Mariñas”, así como os programas de atención á pobreza que a conselleira Mato “condena á desaparición”.
Sestayo acusou á conselleira de “vivir na utopía” por pasar de non recoñecer estes retrasos denunciados polos traballadores e traballadoras sociais dos concellos galegos a culpar aos funcionarios municipais nunha “lamentable mostra de irresponsabilidade”. Advertiu que os beneficiarios da Risga están rexeitando calquera tipo de contratación temporal breve “porque provocaría que logo tiveran que agardar outros 7 ou 8 meses para percibir de novo as axudas”.
Engadiu que, ademais, o aumento do 3 por cento nos orzamentos da Risga aprobado no Parlamento grazas a unha emenda socialista aos orzamentos “non se está a notar” porque a Xunta “está a rexeitar as resolucións enviadas polos técnicos dos concellos sen que saibamos o porqué”.