Psdeg-Psoe
Contactar

 
Barcón esixe "xustiza e rigor" no reparto de investimentos da Xunta para a área metropolitana da Coruña
Denuncia o “bloqueo, parálise e esquecemento” do Goberno de Feijóo e critica que Negreira “non se atreve a dar a cara no debate sobre as infraestruturas para a cidade"
12/04/11
 
 

Santiago de Compostela, 12 de abril de 11. A portavoz de Infraestruturas do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Mar Barcón, esixiu hoxe á Xunta “xustiza e rigor” no reparto dos investimentos correspondentes á área metropolitana da Coruña. Así o reclamou nunha Proposición non de Lei socialista que foi debatida hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia e será votada mañá a primeira hora da mañá.


A responsable socialista criticou a ausencia do candidato do PP á alcaldía da Coruña, Carlos Negreira, no debate desta Proposición non de Lei centrada nos compromisos coa cidade. Lamentou que “quen quere ser o alcalde da cidade non se atreva a dar cara no debate sobre as infraestruturas da cidade”.


Dixo que o PP “leva 28 años sen comprender a política social e educativa” da cidade e anticipou que “se segue sen dar a cara polos coruñeses e as coruñesas van pasar outros 20 anos na oposición” e adiantou que no caso de chegar a gobernar “xa sabemos que non van dar a cara para defender as demandas da cidade”.


Esixiu o “compromiso” do Goberno galego logo de levar “dous anos bloqueando” os compromisos de infraestruturas, mellora medioambiental, impulso á educación pública e de impulso do emprego para a área.


Dixo que o suposto compromiso de Feijóo coa cidade é un “timo igual que o timo do seu contrato con Galicia” e por iso “a conexión da Vía Ártabra paralizada e o Metro Lixeiro no caixón” e os equipamentos educativos, como  Emilia Pardo Bazán ou o Eusebio da Guarda sen ampliar nin rehabilitar.


Criticou a estratexia de Feijóo de utilizar a administración “como ferramenta para castigar aos cidadáns” con gobernos que non sexan do PP e “fronte á equidade –da pasada lexislatura- atopámonos co sectarismo e a opacidade” ademais do “desleixo e ataque intolerable por cargos públicos que non están á altura da súa responsabilidade”.


En concreto, dixo que o goberno galego amósase “lento, incapaz e insolidario” en materia de comunicacións e transporte sostible, mentres “nada fai para respaldar a Alvedro máis que para buscar culpables”. Dixo que mentres o Goberno de España e os concellos asumen o respaldo a esta “infraestrutura estratéxica” o conselleiro “vai chorando polas esquinas”.

 


Criticou a paralización do tramo IV da Vía Ártabra, que comunica coas principais autoestradas da área, mentres o Metro Lixeiro “vai polo terceiro estudo de viabilidade” que cualificou de “outra mostra de desprezo”. Engadiu que en materia de igualdade e política social “o panorama é aínda peor” xa que recorta os investimentos ás educacións públicas e adía os investimentos esenciais para a mellora da rede pública.


Sinalou que mentres o delegado da Xunta Diego Calvo tivo que facer o “papelón” de anunciar unha obra do CEIP Emilia Pardo Bazán que “non aparece nos orzamentos” da Xunta, mentres reducen 600.000 euros de subvención para a Sinfónica de Galicia ou desenvolven unha “política sectaria” nas axudas á formación de desempregados.


Dixo que a Xunta demostrouse “incapaz de desenvolver as infraestruturas básicas da cidade” acadando as súas “máis altas cotas de incompetencia” no caso do saneamento integral da ría, impedindo ao Goberno iniciar o proxecto por ter paralizado o proxecto de saneamento integral e o tratamento de lodos.

 

 

PSdeG-PSOE
E-mail: ceng@psdeg-psoe.org