Santiago de Compostela, 15 de abril de 2011.- O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, respostará ás preguntas realizadas polos internautas a través das redes sociais de Facebook e Twiter, nunha entrevista que estará colgada na web do PSdeG e en Youtube o vindeiro domingo 17 de abril.
Esta será a primeira vez que un político galego resposta ás preguntas que os cidadáns lle fixeron chegar a través de Facebook e Twiter, o que evidencia a firme e decidida aposta do PSdeG polo uso das redes sociais e das tecnoloxías da comunicación.
Entre as preguntas recibidas ao longo dos últimos días inclúense temas relacionados coa política local, autonómica e estatal, diversas preguntas sobre as perspectivas de cara ás eleccións municipais; cuestións relacionadas coas políticas sociais, a sanidade, a educación, a mocidade ou a lingua; ademáis de cuestións da actualidade máis reciente como a reforma do sistema financeiro e o futuro da nova caixa galega, o plan eólico, ou a decisión de Zapatero de non presentarse ás eleccións xerais, entre outras.
As respostas do líder dos socialistas galegos a estas e outras cuestións recolleranse nun vídeo que o vindeiro domingo 17 de abril estará colgado en Youtube e na web do PSdeG, wwww.psdeg-psoe.org.
A emisión desta entrevista a Pachi Vázquez servirá ademais para poñer en funcionamento o novo deseño da nosa web.