Ourense, 8 de abril de 2011.- O Presidente provincial do PSdeG, alcalde de Ourense e candidato á reelección, Francisco Rodríguez, a Directora do Instituto de la Mujer e secretaria de Igualdade do PSdeG, Laura Seara, e a concelleira de Servizos Sociais, Marga Martín, presentaron hoxe a distintos colectivos da cidade de Ourense o anteproxecto da Lei de Igualdade de Trato e contra a Discriminación.
O acto tivo lugar na sede de Aixiña, a quen Francisco Rodríguez agradeceu a invitación “porque sempre que veño aquí me sinto moi a gusto porque Aixiña representa para nós as políticas máis queridas deste goberno municipal, que son as políticas sociais e as de integración”.
“Ademais, sempre que veño por aquí teño a opción de achegarme ao labor que facedes neste campo e tomar boa nota das ideas que inmediatamente trasladamos ao campo de acción da política municipal”, engadiu.
A secretaria de Igualdade do PSdeG e directora do Instituto de la Mujer, Laura Seara, explicou que a Lei de Igualdade de Trato e contra a Discriminación é unha lei importante para o Goberno en canto que “é un paso máis na ampliación dos dereitos da cidadanía”, cúlmen do traballo normativo do Goberno dos últimos sete anos.
“É unha Lei de garantías que perseguirá calquera tipo de discriminación, por razón de idade, por razón de discapacidade, de étnia… unha lei moi completa que vai dar máis garantías a todos os cidadáns deste país”, dixo Seara.
Ademais apuntou que a Lei está en fase de anteproxecto e os socialistas intentarán que teña o apoio de todo o arco parlamentario e se tenderá a man de forma importante especialmente ao principal partido da oposición, o Partido Popular, para a súa aprobación.
Neste momento a lei se está debatendo con todos os axentes sociais que se van ver beneficiados por esta lei, e de aí que o acto desta tarde se faga en Aixiña.
Como indicou a concelleira de Sanidade e Benestar Social, Marga Martín, “non se fai este acto en Aixiña por casualidade, senón que se fai porque esta lei loita pola igualdade entre todos os ciadadáns, beneficiará especialmente ao colectivo co que traballa Aixiña e mellorará especialmente a calidade de vida destas persoas”.