Descargar a entrevista no seguinte enlace: http://www.xornal.com/artigo/2011/03/20/politica/non-so-psoe-senon-tamen-bloque-merece-subir-22-m-ourense/2011032000380800491.html
Cristina Díaz Pardo.19/03/11- Cales serán os principais eixos da súa campaña electoral?
O escenario no que vivimos marca
unha limitacións, iso o primeiro. Logo son dos que penso que, cando montas unha campaña, sobre todo se estás en Goberno, é moi difícil enganar a xente. Os teus cidadáns van saber o que fixeches ou o que deixaches de facer durante estes catro anos. Nós non lle imos pedir á xente o voto por todo o que fixemos, senón por todo o que aínda podemos facer. Está claro que se nestes catro anos cumprimos os compromisos que nos marcamos volveremos ter a confianza da xente.
Por outro lado, imos facer unha campaña baseada na proximidade, xa que aínda que é unha cidade grande, ten unhas características que che permiten facer un esforzo e poder montar este tipo de campaña electoral. Ao ser unha campaña de proximidade non só queremos falarlles a todos os cidadáns, senón tamén que eles nos falen. Imos intentar levar a cabo unha campaña diferente e sobre todo sinxela porque, aínda tendo recursos, non sería adecuado tendo en conta os tempos nos que vivimos.
Di que os cidadáns saben perfectamente o que fixeron ou non e a partir de aí os xulgarán. Non obstante, non cre que existe unha política que é a que non se ve, a que por exemplo ten que ver cos servizos sociais e non coas grandes infraestruturas?
Os concellos temos a obriga de facilitar aos cidadáns os servizos básicos. É certo, ás veces un pode destinar cartos a cousas que pode pensar que lle darán máis votos, cousas ou proxectos que son máis vistosos, pero o problema está cando, por facer estas cousas, esquecemos o básico. Agora estamos executando unha obra de 23 millóns de euros para garantir o abastecemento a Ourense aínda que creza en 170.000 persoas. En canto ao saneamento, estamos rematando unha obra para poder bombear á depuradora ata o 95% das augas que veñen pola marxe do río. A depuradora esperemos que a poidamos licitar no segunda semestre do ano.
Tamén está a rede de saneamento urbano, que vai tardar máis en actualizarse xa que temos que substituír 400 quilómetros de redes. Este ano puidemos realizar o cambio de máis de 50 quilómetros de redes de saneamento urbano, e realmente eses son moitos quilómetros, tendo en conta do que falamos. O abastecemento é unha necesidade vital, incluso para levar a cabo o noso PXOM temos que ter un informe
de que o noso abastecemento é o correcto.
No medio da crise, suponse que hai aspectos renunciables e outros irrenunciables, gastos prescindibles e imprescindibles na vida municipal.
Os concellos somos as administracións que máis están a sufrir a crise, fundamentalmente porque nós mesmos temos menos ingresos e ademais as outras administracións das que tamén reciben fondos, e que son tanto Xunta como Estado, tamén están recortando as partidas para nós, precisamente porque eles tamén están a ter moitos problemas. Ocorre ademais que aínda que as nosas achegas dende as administracións maiores baixen, nós temos que seguir garantindo unha serie de servizos como sexa e temos por tanto que paliar esa falla de fondos. Irrenunciables son dende logo as políticas sociais, sobre todo porque cada vez hai máis persoas que necesitan de axuda. Antes da crise destinabamos 800.000 euros de axudas a domicilios que se encontraban en situación de axuda, agora destinamos preto de tres millóns de euros. A nosa principal prioridade dende o principio foi prestarlle atención aos cidadáns. En canto aos gastos prescindibles, o certo é que non hai tantos como se pode pensar en principio.
O importante é frear o gasto corrente improdutivo pero para isto hai que mellorar moito a xestión e, sobre todo, tirar de imaxinación. Xa digo, non hai moito prescindible, a non ser por exemplo os gastos protocolarios. Logo hai que ter tamén en conta que hai moitos servizos que non son da nosa competencia pero cuxo gasto fomos asumindo ao longo dos anos e que agora son difíciles de reclamar, a non ser que un día nos xuntemos todos os alcaldes e digamos: “Ata aquí”. Nos temos que asumir uns gastos como por exemplo o dos conserxes dos centros de ensino, que realmente é de Educación, por exemplo.
Non lle dá pena que sempre que se fala de Ourense fóra das súas fronteiras sexa por causa de Baltar?
Creo que Baltar formou parte durante moitos anos do ADN político de Ourense. Gustaríame máis que nos coñecesen porque somos unha cidade amable que ofrece unha alternativa de futuro, pero creo que, máis alá de Baltar, estamos comezando a situarnos no mapa.
Falando do PP e do baltarismo, cal cre que será o papel que o seu antigo rival nas urnas, Poly Nóvoa, vai desempeñar nesta campaña?
O papel de Poly está claro dende que na celebración do congreso para elixir un presidente para o PP de Ourense non apostou por Baltar. Perdeu na súa aposta e o sector do baltarismo foi por el. De todos os xeitos, á parte desta situación de agora na que caeu en desgraza, nestes anos nunca fixo pola cidade, nin tivo en conta a situación de que na Xunta gobernaba o seu partido para esixir que o compromiso da Administración autonómica con Ourense fora o que nos correspondía. Por outro lado, sabemos que agora mesmo montaron un partido que é o POLI, o Partido Ourensán Libre, el asegurou que non ten nada que ver pero non creo que lle faga ben.
Cre que debido aos problemas entre os Baltar e Feijóo estamos próximos á fin do baltarismo?
Eu non sei se estamos ante a fin do baltarismo ou non, supoño que iso sería o que lle gustaría a Feijóo. En todo caso, está claro que no Debate do Estado da Autonomía houbo ausencias significativas e as que houbo foron as que foron. A verdade é que en Ourense hai unha loita fratricida entre Baltar e Feijóo. O final do baltarismo pasa por que nós gañemos a Deputación, así que neste punto estamos dispostos a colaborar con Feijóo, aínda que non creo que el estea tan disposto a colaborar con nós (ri).
O certo é que para nós non hai grandes diferenzas entre Feijóo e entre Baltar, o único seguro é que Ourense precisa dun cambio. O de que se estamos cerca ou non da Deputación xa se verá. As enquisas que manexamos son as públicas e creo que neste momento pensamos que podemos gañar e mellorar moito os nosos resultados, ademais hai que ter en conta que está xurdindo un movemento de contestación ao baltarismo e ao PP, que se pode ver na aparición de moitos novos partidos independentes que xorden da propia xente do PP. A pesar de todo, sabemos que é moi difícil vencer xa que, con todos os problemas que poida ter, o baltarismo está moi enraizado na provincia.
E referíndonos máis polo miúdo a súa cidade, Ourense, como van as enquisas? Que pensa que pasará o 22 de maio?
Non son moi dado a facer prognósticos, sobre todo porque hai que ser respectuoso. Aínda así, en Ourense neste momento a situación do PSOE permítenos pensar que podemos incrementar a representación no concello. Espero que o Bloque tamén medre, porque fixo un bo traballo. A min isto non me importa dicilo porque é certo que o BNG fixo un bo traballo, e iso é algo fundamental porque é o noso socio de Goberno. Non o digo por quedar ben, porque o outro día nun mitin do PSOE destaquei o labor da concelleira de Servizos Sociais do Concello, que é do BNG. A concelleira fíxoo moi ben e non se pode non dicir porque non sexa do teu grupo, porque é o teu Goberno, non se pode ter unha coalición e estar dicindo que os teus socios non traballan ben.
Así que facendo unha previsión: eu creo que tanto o noso traballo como o do BNG vai ter un recoñecemento, mentres que penso que o PP vai baixar. Non porque o diga eu ou porque Rosendo sexa máis ou menos querido, senón porque non se están esmerando e non están á altura das circunstancias. O PP está gobernando na Xunta pero non axudan en absoluto a Ourense aproveitando iso. Por isto creo que baixarán considerablemente.
Este ano, os emigrantes non poderán participar nos comicios locais, cre que esta situación, unida a aparición de novos partidos de escindidos do PP, acabará por facilitarlles a chegada á Deputación?
Efectivamente hai concellos onde xa votaba máis xente dende fóra que no propio municipio e polo xeral eses concellos eran do PP. Por outro lado, se o voto emigrante tiña que inclinar a balanza dun municipio, case sempre o facía do lado do PP polo que creo que en determinados municipios si que vai notar unha redución de votos. Por outro lado, sobre o de chegar á Deputación, eu sigo dicindo que o modelo Baltar está moi ancorado nos alcaldes. Non hai máis que recordar que houbo tempos nos que Baltar, o PP, tiña o 80% dos alcaldes da provincia de Ourense, que conta con 93 municipios. Agora mesmo os rexedores do PP non saben a quen teñen que atender.
Historicamente todo o que pedían os concellos tiña que pasar pola Deputación, co que había unha gran dependencia de Baltar, non obstante, agora que dende a Xunta estanlle cortando a billa, os rexedores xa non saben a quen teñen que atender. Creo que neste momento, temos que facer un esforzo para para, aproveitando a conxuntura e o seu enfrontamento con Feijóo, derrocar a Baltar da Deputación.
Como ve a figura do seu secretario xeral, Manuel ‘Pachi’ Vázquez?
Con Pachi non podo ser imparcial de ningún xeito xa que o meu concepto del fundamentase en que é un amigo, ademais dun compañeiro. Eu fun concelleiro no Carballiño con el, e sei como traballa. É unha persoa cunha grande enerxía e con moita capacidade e creo que reúne moitos requisitos para ser quen lidere a senda da recuperación de Galicia.
Falemos do bipartito municipal. As súas relacións coa parte do Goberno local que leva o BNG son bastante boas. Como se chegou a esa situación?
A verdade é que nunca me paro demasiado en pensar en como chegamos a esta situación, supoño que foi como o amor (ri), que nunca te paras a pensar en que momento chegou. Non imos mentir, cando iniciamos isto houbo momentos difíciles, ao principio pasámolo mal, pero logo co ir camiñando comezamos a corrixir certos erros. Ás veces as persoas, segundo como actuemos, podemos facer as cousas máis ou menos sinxelas. Creo que agora mesmo, a pesar do que diga e vaia dicir o PP en campaña, en Ourense ninguén ve como un problema o feito de que haxa un bipartito no Goberno local. Esta situación non foi estudada, foi un achegamento natural que se foi producindo pouco a pouco. Agora mesmo os problemas que poidan ter os edís do Bloque tamén son os problemas dos edís do PSOE, porque somos un único Goberno. Ao revés tamén pasa igual, os problemas do PSOE, tamén son os do Bloque.
Vostede pasou por tres tenentes de alcalde nacionalistas: Alexandre Sánchez Vidal, Andrés García Mata e Isabel Pérez. Con quen queda dos tres, con quen foi máis sinxelo traballar?
Está claro que a situación foi cambiando en tanto que foron cambiando os tenentes de alcalde. Efectivamente cando houbo máis conflito foi na etapa de Álex, pero creo que tiña que ver con era o principio do bipartito. Cando todos fomos capaces de poñer o interese xeral por riba das nosas diferenzas as cousas empezaron a rodar. A etapa con Andrés e agora con Isabel foron moi boas, ademais de que con esta última úneme unha amizade xa que traballamos xuntos no instituto do Carballiño.
En que medida cre que a crise de Zapatero e o debate sobre a súa sucesión vai afectar a súa campaña electoral?
Creo que o que lle está pasando a Zapatero non é moi diferente do que está a pasar a outros líderes europeos ou incluso a Obama. A situación que lles tocou vivir no marco da crise é moi forte. Zapatero estase a converter no culpable de todo e eu non digo que non cometa erros pero non se lle pode facer responsable de todo. Creo que está sometido a un desgaste moi inxusto. Agora está pendiente de trasladar a decisión do que vai facer ou non. El farao cando sexa adecuado porque sempre manexou moi ben os tempos. Buscará o momento que máis favoreza ao seu país e ao partido. En canto a se pode influír nas municipais, eu creo que as locais non dependen diso e non creo que sexa determinante por moito que o intenten algúns medios de Madrid.