Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2011.- O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, pediu hoxe ao líder do PS do Porto e vicepresidente do Grupo Parlamentario socialista na Asamblea da República, Renato Sampaio, a súa mediación para facilitar a implantación dun modelo de pago nas peaxes “que permita a fluidez entre Galicia e o norte de Portugal” ante a inacción do Goberno de Feijóo nesta materia.
Así o avanzou Vázquez tras a primeira xuntanza do PSdeG co líder do PS do Porto, que serviu para poñer sobre a mesa diversas cuestións estratéxicas de interese para Galicia e o norte de Portugal, e para a posta en común dos elementos estratéxicos, ideolóxicos e programáticos de ambas formacións.
Sampaio expresou ao líder do PSdeG o seu compromiso para “facer todo o posible para buscar unha solución rápida e eficaz” respecto ao modelo de pago das peaxes, a fin de facilitar en todo o posible as relacións e comunicacións entre Galicia e o norte de Portugal.
Vázquez e Sampaio valoraron a reunión de hoxe como un primeiro paso para “aumentar a permeabilidade entre o PSdeG e os socialistas do norte de Portugal”. Unha colaboración que terá a súa continuidade coa xuntanza dos grupos de traballo de ambas formacións, no mes de xuño, e coa celebración dun foro que se desenvolverá o vindeiro outono.
O obxectivo é seguir a liña iniciada polo anterior goberno socialista, coa elaboración do Plan Estratéxico Galicia-Norte de Portugal 2007-2013, que representa “un gran elemento vertebrador, forte e operativo para o desenvolvemento conxunto de ambas rexións”, sinalou Vázquez.
“O Goberno galego aparcou este plan, pero os socialistas seremos quen de recuperalo e poñelo enriba da mesa”, apuntou Vázquez, mentres Sampaio avogou tamén por “sacalo do caixón e levalo á práctica” xa que “permitirá desenvolver cuestións decisivas para Galicia e o norte de Portugal”.
Os líderes socialistas lembraron que o Plan Estratéxico establecía unha liña de cooperación entre Galicia e o norte de Portugal, marcando estratexias para o financiamento, obras e protección social e medioambiental, e expresaron o seu compromiso “para seguir traballando neste camiño e conseguir así un elemento de fortaleza para ambas economías”.
“Xuntos somos máis fortes”, proclamou Vázquez, que salientou a importancia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como “unha inmensa potencialidade para as nosas relacións no marco dos plans europeos”. Sampaio afondou nesta idea ao apuntar que a Eurorexión representa a 6,5 millóns de habitantes e que necesita “unha estratexia común”.
Ambos mandatarios coincidiron en destacar a importancia conexión do AVE entre Vigo e Porto. Vázquez lembrou o compromiso de ambas formacións para dar continuidade a este proxecto “que permitirá fortalecer ambas economías, mentres que Sampaio cualificou de “decisiva” a posta en marcha desta conexión, á vez que insistiu na necesidade de que se realice cunha liña mixta que transporte mercadorías e pasaxeiros, para incrementar o intercambio económico.
Preguntados respecto á competencia dos aeroportos galegos co do Porto, Vázquez avogou por “complementar en lugar de competir”.