Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2011.- O secretario de Organización do PSdeG, Pablo García, e a portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario dos socialistas galegos, Sonia Verdes, instaron hoxe ao Goberno galego a que aposte decididamente polo sector lácteo galego, adoptando medidas que garantan a actividade da factoría de Clesa en Galicia, retomando o proxecto que 23 cooperativas galegas defendía para a planta de Pascual.
En rolda de prensa, Verdes lembrou o conflito xurdido na planta de Pascual en Outeiro de Rei, “cun ERE que se saldou coa perda de 85 postos de traballo, e no que, a pesar da proposta de 23 cooperativas para facerse coa xestión da planta, o Goberno galego optou por avalar a cinco delas, afíns ao PP, que se destinan á producción de leite líquido e que atravesan serias dificultades debido á entrada de producto foráneo a prezos máis baixos”.
A isto engádese agora a problemática da planta de Clesa en Caldas de Reis, debido aos problemas financeiros do Grupo Nova Rumasa. Verdes apuntou que “160 postos de traballo están en risco, ao igual que 6 empresas de primeiros compradores, sociedades e cooperativas, que abastecen de materia prima a factoría; e mais de 500 gandeiros aos que se lle adebedan arredor de 3,7 millóns de euros, entre 6.000 e 10.000 euros por explotación”.
“Isto compromete a continuidade da actividade na planta , que a día de hoxe está desabastecida e practicamente paralizada, debido a que os arredor de 500 gandeiros que abastecen preferiron desvincularse de Nova Rumasa, o que leva á planta a buscar novos compradores”, explicou.
Unha situación “que contribuirá a desestabilizar aínda mais o mercado e o prezo do leite”, apuntou a socialista, que instou ao Goberno galego a retomar o proxecto que o conxunto de cooperativas galegas defendía para a planta de Pascual, si se dan as condicións para a venda da factoría de Clesa en Caldas.
“Non podemos permitirnos un novo fracaso nin perder esta nova oportunidade”, apuntou Verdes, “e ten que ser o Goberno galego quen lidere esa aposta, a fin de garantir a actividade na planta e implicarse activamente co apoio e a participación política e económica para retomar un proxecto 100% galego, xestionado polo conxunto de cooperativas galegas para sentar as bases do grupo lácteo, mantendo os postos de traballo e garantindo a viabilidade da planta e do sector”.
Así, Verdes e García amosaron a disposición dos socialistas galegos para colaborar coa Xunta na defensa do sector leiteiro en Galicia “porque este é un problema de país” e “ten que formar parte da axenda do presidente da Xunta”.
García engadiu que o Goberno galego “debe facer do defecto virtude” xa que “ten unha nova oportunidade para facer unha aposta cualitativa a prol do sector lácteo galego, para que teña o control do sector transformador e comercializador”.
“O Goberno galego non pode mirar para outro lado”, sentenciou García, á vez que lembrou a urxencia da toma de decisións ante a situación preconcursal da planta de Clesa. Lembrou que “ata o de agora a Xunta non fixo ningún pronunciamento sobre este conflicto”.
Por elo, esixiu a Feijóo “que se poña ao fronte deste problema” para solucionar a situación das persoas cuxos postos de traballo están en risco, así como do desabastecemento da planta, dos gandeiros que non teñen a quen entregar o leite, e das cooperativas, que deste xeito serían propietarias da industria”.
“Este é un dos últimos trens que temos para subirnos”, lembraron García e Verdes, que adiantaron que os socialistas galegos demandarán no Parlamento que a Xunta artelle medidas para garantir a actividade da factoría, achegando os avais necesarios ás empresas de primeiros compradores que lles permitan continuar as súas operacións empresariais e evitar o desabastecemento”.