Miño 19/02/11//. A deputada socialista Mar Barcón, acompañada do candidato á alcaldía, Manuel Vázquez Faraldo, explicou esta mañá en Miño dúas proposicións non de lei que presentará o grupo do PSdeG-PSOE no Parlamento galego.
A través delas, o PSdeG proporá que a ampliación da rede Natura inclúa as marismas do Lambre e do Baxoi, e que esta protección se recolla na novo PXOM que se está elaborando, para evitar actuacións como a EDAR de Ponche Baxoi ou a prevista urbanización de Piñeiro, "que poden condenar definitivamente a estes espazos naturais a ser meros recordos do que un día foron", sinalou a deputada.
Doutra banda, a situación da localidade, sumida nun caos de expropiacións, litixios, sentenzas e edificacións a medio terminar, fixo que a agrupación socialista de Miño promovese tamén a solicitude de que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) supervise e controle de oficio os desenvolvementos urbanísticos, e máis especificamente os de Costa Miño e Piñeiro, que están rodeados de conflitos e polémicas mesmo desde a fase de proxecto.
Manuel Vázquez Faraldo lembrou que en todos estes casos o goberno municipal sempre tomou partido polas empresas adxudicatarias e en contra dos intereses do pobo, até o punto de que tras as últimas sentenzas que recoñecían un prezo de expropiación maior o concello recorreu en casación. Posto que non hai garantías de que existan avais suficientes, preguntouse quen vai pagar este sobreprezo, a empresa (saíndo dun proceso concursal) ou o concello.
Sinalou que "o concello persiste ademais neste afán expropiatorio, xa que no pleno de hoxe mesmo aprobou unha nova ordenanza que permitirá expropiar solares e edificaciónes se se considera que están abandonados, co falso pretexto de que é unha exixencia legal". O candidato socialista preguntouse o motivo de aprobar esa ordenanza a tres meses das eleccións e apuntou posibles compromisos posteriores do grupo de goberno.
Mar Barcón afirmou que exemplos como o do alcalde Juan Maceiras evidencian "como o PP se saca a careta e mostra o seu verdadeiro concepto do urbanismo e a sustentabilidade, baseados en tropelías urbanísticas promovidas desde o concello e primando intereses privados". No caso de Miño "elixiuse sempre a expropiación en detrimento do sistema de compensación para facilitar rapidamente chan barato para construír sen apenas planificación. Dicir que todo iso xerará investimentos e riqueza é falso", asegurou, "posto que os visitantes e investidores chegarán atraídos por unha contorna conservada para o lecer e o paseo, non para contemplar horrores como os da costa de levante".
A deputada declarou que a impunidade non existe, nin sequera para o PP, e que está convencida de que en maio os cidadáns castigarán a quen puxeron en perigo a economía e a sustentabilidade de Miño, porque Manuel Vázquez Faraldo "encarna outra forma de facer política".