Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2011.- O secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, acusou ao Goberno galego de “levar a cabo a maior conculcación dos dereitos dos cidadáns, utilizando os fondos públicos e os recursos de tódolos galegos para perseguir a oposición”.
Vázquez fixo estas declaracións no acto de apertura do Foro de Benestar, e Cidadanía do PSdeG celebrado hoxe a tarde, en Pontevedra.
O líder dos socialistas sinalou que “o Goberno galego, en vez de adicar tódolos seus recursos a resolver os problemas de Galicia, adícados a amedrentar á oposición”. “Utiliza a administración galega e os fondos públicos para conculcar os dereitos cidadáns e perseguir inxustamente a quen considera os seus inimigos”, aseverou.
Neste senso, subliñou que “para os socialistas os dereitos da cidadanía son esenciais, e nos queremos situar ás persoas no centro da acción política”. “Pola contra, o PP abusa de poder executivo sobre os cidadáns e as entidades que non pensan como eles”, denunciou.
Vázquez denunciou que “en vez de resolver os problemas de Galicia adican os recursos públicos para desprestixiar aos alcaldes e alcaldesas socialistas, e poder gañar así as eleccións malgastando os fondos públicos de tódolos galegos e utilizando a Xunta de Galicia para fins políticos propios”.
O líder dos socialistas galegos apuntou que “están dispostos a todo para que non se fale dos problemas reais de Galicia, e da súa responsabilidade de goberno”. “Non queren falar de emprego, nin de sanidade, nin de educación, nin de benestar, nin de municipalismo”. “Só queren amedrentar e anular á oposición”, lamentou.