prema no enlace para descargar a entrevista: http://www.xornal.com/artigo/2010/12/29/politica/rajoy-non-vai-permitir-prescindir-transfugas-da-sua-propia-provincia/2010122921492200745.html
Miguel Pardo. 30/12/2010. Mar Barcón (Ortigueira, 1963) ten ben claro que non haberá pacto antitransfuguismo. Na súa opinión, a negativa do PP e PSOE a un acordo na última reunión débese a “unha estratexia” preparada por Génova desde hai tempo e que ten a Louzán como líder en Galicia. Respecto á polémica de “unha persoa, un cargo” no PSdeG, a secretaria de Política Municipal admite que botará de menos o Parlamento e di que “o que menos” lle importa é o número que ocupará na lista pola Coruña.
Que sensación lle queda logo da ruptura do pacto antitransfuguismo despois da súa última reunión?
A min quédame a sensación de que o PP saíuse coa súa. Leva dous anos buscando desculpas para poder levar tránsfugas. Utilizaron o tema de Benidorm con esa rotundidade para buscar unha desculpa e unha saída a unha situación que eles mesmos crearon porque son maioritarios na utilización de tránsfugas en España e hexemónicos en Galicia. Fano para variar a vontade política. Estaba claro que Rajoy non ía deixar pasar a oportunidade de levar tránsfugas na súa propia provincia e que ía consentir calquera manobra para manter esta Deputación. Todo este plan pasaba pola lexitimación dos tránsfugas, así que o desacordo non me causou sorpresa. Queren facer pensar que todos os partidos somos iguais.
E non pode quedar a sensación de que os dous partidos son iguais ao non prescindir dos tránsfugas?
O PSOE o que di é que hai casos de transfuguismo que quedan no limbo, así que asumamos que temos que eliminar todos os casos que hai en España, sen máis. Que cumprimento do pacto sería que nós non levasemos o tránsfuga de Benidorm pero eles si puidesen contar cos de Mos ou Silleda? A proposta do PSOE foi clara e comprometida: que ninguén leve ningún tránsfuga e xa está.
Entende a cidadanía esta postura? Non sería mellor que o seu partido prescindise do tránsfuga de Benidorm para dar exemplo?
Si, probablemente, como xesto ético si, pero moitos compañeiros teñen a sensación de que o PP nos toma o pelo. Non se pode clamar contra Benidorm mentres aquí se fan cousas como as de Mos, Silleda, Gondomar, Láncara ou Folgoso, onde o goberno tiña maioría absoluta. Durante este tempo tiven que conter a moitos compañeiros que xa nos advertían que o PP nos estaba tomando o pelo. A xente cansa porque o PP nunca ten que demostrar compromiso con nada porque ninguén espera nada deles. É unha situación moi difícil de asimilar.
O PSdeG rexeitou desde o principio a lista de Benidorm. Sae reforzado logo desta ruptura do pacto?
Como se constatou no Comité Federal, cando os representantes do PSdeG nos ausentamos para non votar esa lista, o noso posicionamento quedou claro. Nin apoiabamos a candidatura de Benidorm nin era unha situación que nos gustase, pero iso non xustifica o que está a facer o PP. Por iso entendo que desde o PSOE se faga unha proposta que ninguén debería rexeitar. Elminemos absolutamente todos os casos e xa está. Nese saco iría Benidorm, pero tamén Gondomar, Silleda ou Mos, pero claro, Feijóo, Louzán e Rajoy non están dispostos a prescindir destes tránsfugas.
Cre que foi ben entendida a súa postura entre o socialismo estatal?
Pois si. Foi unha actitude comprendida polo conxunto da organización.
E por que non se rebelaron outras federacións socialistas?
Pois probablemente porque as mocións de censura están moi localizadas nalgunhas zonas do territorio, como en Galicia. Para nós, os casos de transfuguismo foron unha situación non só dolorosa, senón esperpéntica, xa que mentres Feijóo aseguraba que ía rexenerar democraticamente o PP, asaltaba varios gobernos municipais. Vivimos unha situación chamativa porque unha parte moi importante desas mocións de censura son na propia provincia de Mariano Rajoy. Estaba visto que isto tiña o beneplácito de Feijóo e Rajoy.
Cre que todo é un plan ben deseñado polo PP?
Vén de lonxe. É unha estratexia
deseñada e seguida paso a paso. Tiña un preámbulo que consistía en asinar ese pacto para despois incumprilo puntualmente. Derivou no que derivou cando Rajoy veu que tiña en perigo a Deputación de Pontevedra. Daquela xa non valía de nada a ética nin o antitransfuguismo, só manter a Deputación da súa provincia.
O representante do PSOE no pacto antitransfuguismo di que aínda hai posibilidades de recuperalo. Cre que se volverá ao acordo?
Non. Eu son moi pesimista porque creo que o PP ten a súa estratexia moi pensada e están cumprindo cada un dos pasos. É unha operación a grande escala que xustifica que o PP fose capaz, sen poñerse encarnado, de votar un día na Cámara unha proposición non de lei contra o transfuguismo e logo asaltar un goberno en maioría absoluta. É unha estratexia sostida pola dirección galega e española e non van parar. Non teño esperanzas.
Seguirá o PP contando con tránsfugas en Galicia?
Seguirá, claro que seguirá.
Vostede deixará o Parlamente para ir nas listas pola Coruña. Botará de menos a Cámara?
Si, sobre todo as persoas, os compañeiros cos que compartes o tempo e as ilusións. Desde logo, tamén botarei de menos a experiencia dunha Cámara lexislativa que achega unha nova perspectiva, coñecemento... Non é tanto botalo de menos como recoñecer que é unha etapa moi valiosa para min.
En que número da lista irá?
Iso é cousa do alcalde e candidato pola Coruña. Cando Javier Losada me propuxo incorporarme á candidatura falamos dun equipo cohesionado, de xestión, de proxectos de futuro, de consolidar unha experiencia moi importante na cidade... O de menos é o número que ocupe.
Onde se ve dentro dun ano?
No Concello e gobernando.
Nalgún posto en particular?
En ningún posto en particular. Gústame moito a xestión local e xa pasei por varios departamentos. Estarei onde o alcalde e os compañeiros pensen que teño máis utilidade.
Pasou a marusía no socialismo galego?
O PSOE ten máis de cen anos e é moi difícil que unha fin de semana lle provoque algunha fisura.