Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2010. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, anunciou hoxe que rexistrou unha interpelación na que reclama explicacións sobre o Plan de Continxencias Mariñas da Xunta.
A portavoz de pesca lembra na iniciativa rexistrada que as costas de Galicia soportan unha das densidades máis altas de tráfico marítimo do mundo. Relata que polo corredor de Fisterra transitan unhas 45.000 embarcacións cada ano transportando todo tipo de mercadorías e substancias, algunhas delas altamente perigosas.
Soneira asevera que algúns destes accidentes, en épocas recentes, trouxeron gravísimas consecuencias para os nosos ecosistemas mariños e costeiros, e gravísimos danos á nosa economía. Accidentes como os dos buques Polycomnandes, Erkowitz, Urquiola, Casón, Aegean Sea, ou o máis recente do Prestige supuxeron a constatación de que, a pesares da nosa posición xeográfica e das condicións climáticas que soportamos, nin o Estado nin a Comunidade Autónoma contaban con dispositivos de salvamento e loita contra a contaminación mariña modernos, eficientes e suficientes.
Subliña que coa experiencia do Prestige, ámbalas dúas administracións teñen feito un gran esforzo en investimentos para dotarse de medios con que facer fronte a unha hipotética catástrofe marítima de semellantes dimensións.
Soneira lembra que o Plan Nacional de Salvamento e Loita contra a Contaminación Mariña Accidental 2006-2009, investiu máis de mil millóns de euros en dotar ao conxunto do Estado dos medios de que se carecían durante o accidente do Prestige. As probas de semellante investimento concrétanse, en Galicia, en buques como o Don Inda ou o Urania Mella que teñen elevado exponencialmente a nosa capacidade de tiro e de recollida de hidrocarburos no mar, ou na renovación de helicópteros de salvamento, incorporación dun avión para control, seguimento e detección das posibles infraccións contaminantes nas nosas costas, na renovación da flota de Salvamares ou na creación da base subacuática de Coruña ou da maior base estratéxica de España e de Europa en Fene.
Advirte que a principal achega da Xunta de Galicia foi o Plan de Continxencias por Contaminación Mariña de Galicia que foi publicado no DOG nº 88 de 23 de abril de 2007. Na introducción deste documento constatase que é; un instrumento mediante o que a Xunta de Galicia determina o protocolo de actuación dos distintos departamentos da Comunidade Autónoma que teñen competencia directa en cada unha das actuacións que a activación deste plan contempla, así como a actuación ou participación que a outras administracións lles corresponde neste tipo de sucesos.
Trátase de prever e ter recollido de modo escrito, as persoas e departamentos responsables, os medios materiais e humanos que se dispoñen, as zonas de actuación e a súa delimitación xeográfica, funcións e criterios de actuación. En definitiva, trátase de que nunha situación de crise como é a derivada dun accidente que provoca contaminación mariña, todos e cada un dos axentes saiban de antemán o seu papel e grado de participación” segundo figura na súa introducción.