Santiago de Compostela, 04 de decembro de 10. A portavoz de Vivenda do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Carmen Cajide, ven de presentar unha Proposición de Lei para fusionar nunha única Sociedade Xestur - Galicia as catro empresas de xestión urbanística provincias –Xestures-. Explicou que esta decisión permitiría “racionalizar a xestión e reducir a administración paralela”.
A parlamentaria socialista puntualiza que esta proposta permitirá “organizar a política de Galicia en materia de vivenda e solo”, ao mesmo tempo que “fomentar a austeridade na administración”, o que resulta “imprescindible na actual conxuntura económica”. Unha única sociedade, explicou, “permitirá sacar maior rendibilidade aos recursos e porá fin ao desequilibrio que existe na actualidade”.
Deste xeito primaríase “unha política non fragmentada e cunha visión territorial única” evitando o reparto “irracional e insolidario” previsto nos orzamentos para o 2011. Neste sentido, considera “pouco comprensible” que Xestur – Coruña dispoña o próximo ano dun investimento de 72 millóns de euros, mentres as de Ourense ou Lugo soamente prevén investimentos por 13 millóns de euros, ou Pontevedra de 18 millóns de euros.
Cajide considera necesario “potenciar as actuacións que se refiren a toda Galicia, e canto menos, igualar o montante percibido pola Coruña ao resto de Galicia, rematando ca disparidade no reparto destes fondos”. Sinalou que este reparto é “incompatible cos criterios de racionalidade nos que debe basearse a ordenación do territorio, xa sexa residencial ou empresarial”.
Explicou que a iniciativa socialista responde á necesidade de “contar con fórmulas eficaces que permitan planificar a xestión do solo e dar unha forma consistente á política de solo en Galicia”. Cajide chamou aos outros dous grupos parlamentarios a apoiar por unanimidade esta Proposición de Lei, posto que “conlevará un importante aforro e un impulso na políticas de solo para a Comunidade Autónoma”.
A proposta unifica as estrutura existentes nas Xestures, nunha única Sociedade, para impulsar unha dinámica máis eficaz e menos custosa nas políticas de vivenda e solo, ademais de facilitar a coordinación de tódolos recursos e o traballo baixo unha dirección única”. Máis cando a Xunta de Galicia xa posúe unha porcentaxe superior ao 90 % do accionariado en todas as Xestures proviniciais.
A proposta presentada por Carmen Cajide, aposta igualmente por colaborar con outras institucións e cos axentes económicos e sociais, incluso para continuar contando cos actuais socios minoritarios. En todo caso propugna a constitución dun órgano colexiado de participación e seguimento para levar a cabo funcións de asesoramento e impulso nas materias propias da nova Xestur Galicia S.A que deberá realizar unha serie de actuacións que conlevarán o obter unha planificación de onde deriven plans anuais de actuación en materia de vivenda e solo.