Santiago de Compostela, 01 de decembro de 10. A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, María Quintas, dixo hoxe que a Lei de Comercio da Xunta “abandona aos pequenos comerciantes” e invade as competencias dos concellos. Así o dixo no debate do Proxecto de Lei de Comercio Interior de Galicia que se produciu hoxe en Comisión parlamentaria.
A parlamentaria socialista lamentou que o PP teña aplicado hoxe o “rodillo parlamentario” para unha Lei na que aceptan só dúas emendas socialistas –unha delas transaccionada- dun total de 42 presentadas para unha Lei de 117 artigos.
sinala que a Lei resulta “incompleta” e constitúe “unha declaración de boas intencións baleira de contido e sen referencia a accións encamiñadas a potenciar, desenvolver e protexer o tecido comercial”. Ademais, engade, “incumpre a legalidade en materia de xénero, abandona o comercio rural e aos pequenos concellos e renuncia a unha distribución equilibrada e racional dos equipamentos comerciais”.
Advertiu que mentres a nova Lei “debera buscar a coordinación co necesario equilibrio territorial”, a realidade é que incide en conflitos competenciais cos concellos, nomeadamente coa creación do rexistro galego de comercio, “incomprensiblemente obrigatorio para acceder ás axudas públicas”.
Sinalou tamén que o papel do observatorio do comercio resulta “confuso”, tal e como afirman o CES e a Asesoría Xurídica da Xunta. Sinala que este órgano “debera ter unha natureza independente”, que non está especificada na Lei, e carece dunha representatividade equilibrada “incumprindo claramente a Lei”.
Engade tamén que a Comisión Consultiva que constitúe esta norma “está claramente inclinada ao lado da administración”, ademais de facer unha limitación de feiras de oportunidades “altamente restritiva”. Por outra banda, concede un papel “absolutamente confuso” ás mesas locais de comercio, ao non establecer ningún tipo de coordinación entre elas, converténdoas nun “instrumento ineficaz”.
Falla de apoio
Quintas acusou á Xunta de reducir o apoio orzamentario aos comerciantes galegos á metade –un 45,5 por cento- dende 2009, e presentar un Proxecto de Lei “con incongruencias, anuncios baleiros de contido, improvisacións e falla de compromiso real”. Lamentou a oportunidade perdida polo PP para dotar ao comercio galego dunha Lei aprobada por consenso e que garanta a súa modernización.
Salientou a importancia deste sector para Galicia, con 45.000 comerciantes e 110.000 postos de traballo cunha actividade que representa o 14 por cento do emprego total e un 16 por cento do PIB. Lamentou a falla de compromiso e apoio da Xunta no momento de crise coa “caída do consumo doméstico”, a “estandarización derivada da súa globalización”.
Esta situación vese acentuada, dixo, polas súas propias “debilidades estruturais derivadas de políticas de subsidiariedade e non a unha aposta firme pola modernización e a formación”, situación que “xera inquedanza no sector e a obriga de políticas activas por parte das administracións”.