Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2010.- O secretario de Organización do PSdeG, Pablo García, denunciou hoxe que o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, “si é un especialista en promover mocións de censura, mediante a compra de vontades políticas, para gañar, de xeito antidemocrático, o que perde nas urnas”.
García sinalou que “Louzán representa un claro exemplo de apoio e promoción do transfuguismo, como demostran os casos das mocións de censura de Mos, Gondomar e Silleda, todas elas apoiadas por concelleiros tránsfugas”. Por elo, acusou a Louzán de poñer a Deputación de Pontevedra ao servizo do PP e de ser “todo un experto en acadar, mediante a compra de vontades políticas, o que non consigue mediante os votos”.
O secretario de Organización do PSdeG incidiu ademais na utilización da Deputación de Pontevedra en beneficio do PP, como demostra a recente contratación do que será o novo candidato deste partido no concello de Rodeiro, Luís López Diéguez.
O secretario de Organización do PSdeG sinalou que Diéguez ten un contrato que lle supón uns ingresos de preto 3.000 euros ao mes, e “ata o de agora a única ocupación que se lle coñece é ser candidato do PP no concello”.
Ante este feito, o PSdeG pediu información na Deputación de Pontevedra para coñecer “a que se dedica Diéguez, xa que ninguén o sabe”, sen obter polo de agora ningunha resposta.
Por elo, García instou a Louzán a dar explicacións sobre esta contratación e esixiulle que diga “cantos futuros candidatos do PP ten contratados en toda a provincia de Pontevedra”.
Un saúdo, Gabinete de Comunicación do PSdeG