Santiago, 9 de maio de 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage Tuñas anunciou hoxe a presentación dunha interpelación no parlamento de Galicia co obxecto de que o goberno galego faga balance da creación dunha nova estructura periférica da Xunta de Galicia o pasado ano a través do decreto 245/2009.
Lage Tuñas considera “un fiasco” a creación da figura dos superdelegados territoriais e pedirá ao goberno galego a supresión destas figuras xa que “un ano despois desta ocurrencia que tivo o conselleiro da Presidencia, queda demostrado que nin houbo máis eficacia nin mellores servizos para os cidadáns”.
O deputado do PSdeG afirmaba hoxe que ”o Conselleiro da Presidencia faltou á verdade, xa que a nova estructura é máis custosa e menos eficiente. Os superdelegados territoriais son uns comisarios políticos que Alfonso Rueda utiliza para intentar controlar o seu partido dende a Xunta de Galicia”.
Lage Tuñas explicou hoxe que “os superdelegados territoriais están supoñendo un custe aos cidadáns de case dous millóns de euros ao ano, sin que teñan suposto ningunha mellora na proximidade da Xunta de Galicia aos cidadáns”.
”Foron concibidos para exercer o control político por parte de Alfonso Rueda como secretario xeral do PP nos territorios, nomeadamente en Ourense, pero teñense rebelado como un fiasco, xa que supuxeron un incremento no gasto corrente da Xunta de Galicia ao sumarse ao xa existentes delegados provinciais e agora chamados Xefes Territoriais”, explicaba hoxe José Manuel Lage.
O deputado do PSdeG tamén demandaba do goberno de Alberto Núñez Feijóo “unha rectificación, e a conseguinte supresión destas figuras políticas, co obxecto de adicar eses fondos ás políticas de protección social e a artellar políticas activas de emprego”.
Lage Tuñas entende que “a administración periférica da Xunta de Galicia é un fiasco porque nin é máis próxima nin é máis áxil, as superdelegacións só funcionan como instrumentos partidistas de confrontación cos gobernos municipais de cor política diferente á do Partido Popular”.
“Non hai austeridade nin aforro. O PP fixo un “lifting” cambiando de nomes ós delegados provinciais e pasando a chamarlle xefes territoriais, como quedou demostrado no Diario Oficial de Galicia. E a maiores nomeou 5 comisarios políticos como superdelegados territoriais, pero o seu primeiro ano foi un absoluto fiasco”
O Viceportavoz do Grupo Socialista afirmaba hoxe que “a ausencia de goberno en Galicia é preocupante, e Feijóo debería ir pensando en tomar algunhas decisións sobre o seu goberno, xa que algúns conselleiro é como senón existisen”.
Maquillaxe das contas da Consellería da Presidencia
Lage Tuñas recordaba hoxe que o conselleiro da Presidencia maquillou as contas públicas no pasado mes de outubro de 2009 para agochar fraudulentamente o gasto corrente da súa consellería, superior nun 5,4% ao do anterior goberno da Xunta de Galicia, como quedou demostrado na documentación que se fixo pública o pasado mes de marzo de 2010”.
O deputado do PSdeG explica que “o conselleiro da Presidencia xa está gastando un 5´4% máis en gasto corrente do que presupostou o anterior goberno progresista para o ano 2009 e iso só nos primeiros dous do ano en curso”.
Os socialistas galegos advertiron tamén hoxe sobre a modificación orzamentaria feita no primeiro trimestre do ano 2010 por Alfonso Rueda como conselleiro da Presidencia, onde se transferiron máis de 5 millóns de euros da partida de gastos de capital dentro da sección 23 do orzamento correspondente a Gastos para continxencias para incrementar en menos de 60 días o gasto corrente da consellería de Presidencia en máis dun 15%.
Lage Tuñas denuncia “o engano masivo de Rueda durante a tramitación parlamentaria do proxecto de lei de orzamentos para o ano 2010, xa que daquela gabouse de reducir o gasto corrente con respecto ao anterior goberno, cando era falso como agora se demostra”.
”A falsa austeridade de Rueda e Feijóo caeulle a careta ao comprobar como as modificacións orzamentarias feitas nos primeiros 60 días do ano 2010 convirten en papel mollado os números do orzamento presentado en outubro pasado".
"Fixeron un orzamento irreal para o 2010 dicindo que reducían o gasto improductivo e incrementaban as inversións. A realidade é xusto a contraria, os números cantan, e Rueda está incrementando nun 15% o gasto corrente" afirma dende o PSdeG.
“En sesenta días descubriron que a electricidade, o teléfono e a limpeza eran gastos correntes necesarios e descubriron que se esqueceran de presupostalos correctamente para intentar vender unha falsa austeridade como agora queda demostrado” insistiu Lage Tuñas.