24 de marzo de 2010. O senador socialista Pablo García afirmou hoxe que “é de xustiza” que a Real Academia Galega (RAG) apareza recoñecida nos orzamentos ao mesmo nivel que as academias española, catalana e vasca. García defendeu hoxe no Senado a enmenda conxunta presentada polos socialistas e o grupo de senadores nacionalistas para instar ao Goberno a incluír na partida de créditos a reais academias, o da RAG, para que teña iguais dereitos e prerrogativas que as outras academias .
Na súa intervención, que iniciou falando en galego, destacou o traballo da RAG na defensa da lingua galega “que é parte esencial da nosa cultura”.
Para o senador socialista “o Goberno e o Ministerio de Educación teñen a firme vontade política de outorgar á RAG esta subvención” que permitiría, ao igual que nas demais academias, poder desenvolver programacións estables e cun financiamento axeitado á importante labor que realizan.
García cualificou esta reivindicación como “xusta” e “moi necesaria” e sinalou que este impulso á Real Academia da Lingua Galega “é un recoñemento a todos os galegos”.
Destacou que a enmenda aprobada hoxe no Senado “reafirma o compromiso dos socialistas galegos na defensa da nosa lingua, e tamén coa RAG”, e de xeito especial “no momento que vivimos en Galicia, cun goberno, o do PP, apostado na incongruencia e cun presidente, Núñez Feijóo, convertido no maior inimigo da lingua”.
Salientou así mesmo que o Goberno do PP en Galicia “está dedicado á confrontar e fraccionar á sociedade galega” xa que “o PP e Feióo son reféns dunha pancarta electoral que usaron para conseguir un puñado de votos”.
García lembrou que os socialistas presentaron ademais iniciativas, tanto no Congreso como no propio Parlamento galego, co fin de que a RAG obteña os fondos necesarios para desenvolver o seu traballo en defensa da lingua galega.