Ourense, 13 de marzo de 10, O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “consumar a maior afrenta declarando o galego idioma hostil en Galicia”. Así o dixo nun encontro con cargos orgánicos e institucionais do PSdeG-PSOE de Ourense, na que acusou a Feijóo de ser o “principal adversario das políticas sociais do país atacando de maneira inmisericorde a educación, a sanidade ou a dependencia” e acadando o maior número de parados da historia.
O líder dos socialistas galegos acusou a Núñez Feijóo de “reiterar o seu ataque ao principal sinal de identidade” de Galicia coa presentación do decreto do galego no ensino e advertiu que “caladamente e sen que o vexa ninguén pretende relegar o idioma a unha categoría inferior no noso país”. Vázquez chamou aos socialistas galegos a non permitir este “ataque” e a “mobilizarnos, traballar e defender que non é impune atacar o noso sinal de identidade”.
Dixo que o presidente da Xunta de Galicia é o “principal adversario das políticas sociais”, e tamén da educación, onde 56.000 familias que tiñan libros de texto gratuítos “con Feijóo están vendo que teñen que pagalos do seu bolsillo”.
Ademais, dixo, en un ano de goberno do PP na Xunta, Galicia acadou o máximo nivel de paro da súa historia, con 234.000 parados e 49.000 familias con tódolos seus membros desempregados. Criticou que a pesares de ter a totalidade das políticas activas de emprego transferidas “o primeiro que fixo foi reducir o investimento para as políticas activas de emprego nos orzamentos de 2010”.
Engadiu que, no caso da sanidade, hoxe temos 250.000 persoas nas listas de espera, que se incrementaron de novo por vez primeira en cinco anos e “recuperando as taxas máis altas que houbo nunca”, chegando a subir en hospitais galegos un 44 por cento en só 9 meses. Ademais, lembrou que hoxe segan sen estar contemplados o 43 por cento dos dependentes con dereito a paga.