Neda, 8 de agosto de 2009.- A Portavoz e Secretaria de Coordinación, Política Municipal e Acción Electoral, Mar Barcón, trasladou a solidariedade do PSdeG á familia da nova vítima de violencia machista que tivo lugar onte en Coristanco. “Cada morte é un fracaso social”, dixo, e engadiu que a Lei Integral contra a Violencia de Xénero posta en marcha polo goberno de Zapatero precisa da coordinación do traballo das administracións, e da voz e o grito da sociedade para aislar aos maltratadores e asasinos.
Barcón fixo estas declaracións dende a Festa Socialista da comarca de Ferrolterra, que hoxe tivo lugar en Neda. Unha festa que quere ser “un recoñecemento ao traballo dos militantes e compañeiros das agrupacións locais da zona” e o punto de partida onde tomar forzas de cara ao traballo do novo curso político.
A portavoz socialista considera que “temos ante nós unha responsabilidade moi importante, que é denunciar ante os cidadáns o continuo recorte de dereitos sociais que está supoñendo o goberno de Feijoo, e a continua paralización de obras e melloras para a cidadanía”.
Neste sentido apuntou que “os primeiros meses deste goberno están escritos en negativo, xa que as decisións son sempre paralizacións, dar marcha atrás a dereitos conquistados durante o goberno bipartito e bloquear infraestruturas tan necesarias para Galicia como a autovía da Costa da Morte”.
Barcón explicou que a paralización da autovía da Costa da Morte é a crónica da incapacidade política de Feijoo á hora de xestionar unha infraestrutura desta relevancia. Para a Costa da Morte coa chegada da dereita chega a noite, porque para a Costa da Morte os gobernos populares sempre supuxeron abandono”.
A deputada lembrou que esta autovía para a que o PP anuncia un retraso de cinco anos estaba pensada para o desenvolvemento da zona e o benestar e progreso dos seus cidadáns. Unha infraestrutura,en cuxa mesa de adxudicación estaba como técnico a que é hoxe Directora Xeral de Infraestruturas da Xunta no departamento de Agustín Hernández.
“Feijoo é a peor noticia para o benestar da cidadanía, tanto en infraestruturas como na consolidación de dereitos”, apuntou Barcón, quen lembrou que esta semana puidemos saber que “Feijoo quita a 125.000 familias as axudas dos libros de texto para dárllelo aos colexios privados”.
Barcón considera que Feijoo entrou nunha dinámica de desmantelamento do ensino público como xa fixeran no seu día os gobernos de Fraga; “diminúen os investimentos en melloras nos colexios e non escoitamos nin unha soa palabra de melloras en novas tecnoloxías ou para o coñecemento de linguas estranxeiras”.
Por último resaltou a importancia de que “nos próximos catro anos “1.000 millóns de euros destinaranse a colexios privados, entre eles os que separan aos nenos e as nenas seguindo tendencias ideolóxicas ultraconservadoras completamente alonxadas da sociedade e das teorías pedagóxicas máis aceptadas”.