Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2009. O portavoz de Emprego do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Tomé, acusou hoxe á conselleira de Traballo de “renunciar a obter 61 millóns de euros de aportacións do Estado para 2010 ao absterse na Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais. Tomé explicou que esta actitude mantida no pasado encontro do 23 de xuño Galicia só obterá 17 millóns de euros fronte aos 76 recibidos para 2009.
Tomé explicou que o actual equipo de Traballo evitou manter a postura do anterior goberno da Xunta de Galicia que reclamaba unha modificación nos criterios de distribución dos fondos para políticas activas de emprego, co que Galicia mantería no próximo ano os fondos de 2009 e percibiría un incremento de 150 millóns de euros entre 2010 e 2013.
O parlamentario socialista sinalou que grazas ás xestións do anterior equipo, Galicia pasou de percibir fondos para desempregados transferidos polo Estado un 3,6 por cento por debaixo da media en 2005 ata superar a contía media nun 26,8 por cento.
En consideración do portavoz de Emprego dos socialistas galegos, a actual responsable de Traballo ven de asumir unha posición “irresponsable” e “desnortada” amosando unha “evidente falla de iniciativa” ao alegar “descoñecemento” para renunciar a estes fondos. Acusou á Xunta de “renunciar aos intereses de Galicia para defender políticas partidistas”.
O peor equipo
Tomé Roca considera que o equipo da Consellería de Traballo “ten demostrado en apenas 3 meses que é o peor equipo que xestionou este departamento nos máis de 25 anos de historia da autonomía de Galicia”.
Criticou neste sentido que “presentaran un plan de choque contra a crise sen contidos específicos” e que “tres meses despois da súa toma de posesión non coñecemos ningunha medida concreta e medible en materia de Emprego tomada pola Consellería”. Engadiu que “non é capaz de artellar un diálogo fluído cos axentes sociais”.
Tomé Roca sinalou que a conselleira “fixo a maior chapuza caciquil no reparto dos Plans de Cooperación dos concellos que se coñeceu na historia de Galicia, cuxos efectos legais aínda están por ver” e engade que “incumpre a Lei da tramitación das normas que promulga en materia laboral”.
O parlamentario socialista lamenta que a conselleira “estivo desaparecida no conflito do Metal, da alas ás tramitacións dos EREs e fai valoracións negativas dos bos datos do emprego de Galicia porque non os pode atribuír á súa inexistente xestión”.