Santiago, 23 de xuño de 2009. O portavoz da Área Institucional do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage, acusou hoxe ao PP de artellar un “ataque directo ao corazón do país” eliminando o galego dos exames de acceso á función pública. Lage presentou no Pleno unha emenda de devolución á proposta de reforma da Lei de Función Pública de Galicia, que foi aprobada cos votos do Grupo Popular, e dixo que o Goberno, “co seu presidente á cabeza, convértese no azote da lingua”.
O parlamentario socialista dixo que a Xunta do PP é “o primeiro goberno deste país que toma decisións en contra do noso idioma” e empregan “o rodillo da maioría”, para executar “en nome da liberdade, un ataque contra a lingua galega, contra os sinais de identidade do noso pobo”. Lage dixo que os deputados do PP serán “cómplices co seu voto” desta decisión que tildou de “involución” e “tropelía” que “pesará sobre a súa conciencia, si é que a teñen”.
Lage Tuñas acusou ao Grupo Popular de “facer un ataque ao Plan Xeral de Normalización Lingüística”, que é o “punto de encontro” dos tres grupos parlamentarios. Advertiu que incumpre a Lei de Normalización, que establece o dereito dos cidadáns a ser atendidos no seu idioma, incorporando ademais “unha clara inseguridade xurídica” con relación aos procesos actualmente en curso e dos que se modifica a normativa.
Dixo que esta decisión constitúe un exemplo do “retroceso, paralización, ataque aos sinais de identidade e regreso ao pasado” nos 60 días de goberno de Feijóo. Salientou que a decisión será tomada ademais “cos sindicatos da función pública en contra” e lembrou que a anterior modificación da Lei foi levada adiante “co acordo dos sindicatos maioritarios da función pública”.
Lage Tuñas acusou ao PP de “falsear o debate en nome da liberdade” ao dicir que “pretenden garantir que haxa máis médicos, cando o número de médicos depende da política de prazos do Sergas e por certo sempre houbo máis aspirantes que prazas”. Engadiu que “non vexo que noutras comunidades como Baleares, Valencia, Cataluña, Navarra ou Euskadi deixen de ter bos especialistas médicos por cuestión de lingua”.